top of page
Lola Diz_Familia_Edit 2.jpg

Lola Diz

Dolores Taboada.jpg

Dolores Taboada

Carmen Santomé HR.jpg

Carmen Santomé

Pili-Álvarez.jpg

Pili Álvarez

Henrique Otero 1959.jpg

Henrique Otero

Para Breogán de Moaña cada unha das persoas que fan parte da asociación teñen unha gran importancia, porque grazas a elas temos un fio de continuidade no tempo, que xa nos leva máis aló dos corenta anos no labor que nos marcamos como obxectivo cada día dende a nosa fundación

 

Mais temos que subliñar o papel dalgunhas delas pola especial implicación que en todo este tempo mostraron, deixando unha profunda pegada entre todas e todos nós, xa fose en Breogán ou en calquera dos proxectos nos que teñen tomado parte.

 

Este é o espazo no que queremos darlle visibilidade a estas persoas que pola súa humildade nunca queren destacar saíndo fóra do espazo da retagarda, desde o que traballan arreo para que sigamos despois de tantos anos a ser unha realidade. Sen todas e cada unha delas elas non tería sido posible.

 

Para todas elas a nosa máxima admiración e respecto por todo o que aportaron e aportan cada día a este proxecto común, con todas as renuncias persoais que moitas veces isto supón e por suposto tamén con todas as satisfaccións do traballo ben feito que compartimos

 

Este espazo trae á fronte aquelas persoas que xa non poden compartir o seu tempo con nós, xa sexa porque o seu camiño da vida tristemente rematou, ou porque as súas circunstancias vitais leváronos cara outros camiños que non puideron facerse compatibles co espazo Breogán de Moaña, que axudaron a construír e facer unha realidade. Son estrelas con luz propia que sempre brillarán forte no noso firmamento.

 

Ao mesmo tempo temos tamén que poñer no terreo da visibilidade, se é que dalgún xeito non o estaban, a compañeiras e compañeiros que seguen a traballar cada día para que Breogán se manteña en pé para cumprir cos seus obxectivos. Todas elas estiveron aquí nos momentos máis doces e nos máis amargos e foron un piar fundamental onde este edificio sempre puido cargar co peso de grandes responsabilidades. Nunca dubidaron en asumilas en favor do colectivo e por iso e por moitas cousas máis contan co máximo respecto e a admiración de todas e todos nós.

 

Lola Diz como xa teredes observado é unha constante en todos os textos que relatan a nosa historia e as nosas orixes, e polo tanto non imos falar por agora dela nun punto concreto deste espazo web. As referencias a ela son transversais e constantes ao longo de todo o que estamos a publicar e cremos que ese contexto é o ideal no que se entende mellor o seu papel en Breogán de Moaña.

Dolores Taboada - Carmen Santomé - Pili Álvarez

Lembro perfectamente o día, que recen chegada da escola, a miña nai comunícame o falecemento de Lola.

 

Abrumada pola nova, só acertei a dicir... “mamá.. e agora... qué pasa co grupo? Desaparece? Desfaise? Porque sen Lola...cómo imos seguir...??”

 

A resposta que me aportou a miña nai foi sincera e premonitoria, por suposto tamén a conservo nítida na miña memoria e transcribo literalmente... “non,  non pode desaparecer, agora hai que traballar máis duro ca nunca entre todas, para que o que conseguiu Lola ata agora, siga vivo e se manteña durante moitos anos”

 

A min, no meu pensamento de nena de dez anos... antollabáseme complicado, xa que para min, nese momento, as figuras de referencia no grupo eran dúas, Lola Diz en baile e Henrique Otero en gaita. Sen máis...

 

Pero, efectivamente, estaba equivocada.

 

Tras cada artista, cada asociación, cada equipo humano referente, sempre, sempre, sempre, hai alguén que aínda que esté tras o escenario, ou en segunda fila de butacas, leva a cabo un labor pouco recoñecido, mais que é tanto ou máis importante que o que fan os que se mostran diante do público.

 

E refírome como non pode ser doutro xeito, a tres mulleres, que coa garra, valentía, coraxe, esforzo e moita, moitísima dedicación, pasaron horas e horas do seu tempo libre a cambio de nada, preparando, coordinando, dirixindo, guiando, axudando e dando o mellor de si mesmas por e para a Agrupación Folclórica Breogán.

 

Esas tres mulleres, loitadoras e constantes, foron quen de non permitir que a semente de Lola Diz decaera. Non só conseguiron que case 40 anos despois o grupo siga vivo, senón que fixeron que os que pertenciamos a esta agrupación puidesemos vivir uns anos marabillosos, rodeados de amigos e amigas, de experiencias inesquecibles, ao mesmo tempo que aprendiamos e enchoupabámonos de cultura, de tradición e de historia.

 

Elas son Dolores Taboada, Carmen Santomé e Pili Álvarez, as tres presidentas que tivo Breogán de Moaña ao longo da súa historia e tras a ausencia de Lola Diz.

 

Cando Lola Diz morre Dolores Taboada xa era parte da agrupación, era ela a que manexaba todos os trámites administrativos, e burocráticos, a que conseguía as actuacións, as subvencións... etc...etc...etc...

 

E así seguiu durante moitos anos, ao pé do canón, sen baixar a garda, e levando con orgullo o nome da Agrupación Breogán de Moaña por todas aquelas vilas e cidades, certames, concursos, e festivais de todo tipo aos que acudiamos.

 

Unha, como alumna, só ten que preocuparse da hora na que hai que estar no autobús e de comunicar na casa se hai que levar ou non a comida... mais cando vas medrando, daste conta que tras de cada unha daquelas saídas, de cada actuación e de cada viaxe, había unha organización, una loxística da que alguén se tiña que facer cargo. Son moitas crebadeiras de cabeza que non tes por que pasar (se non sentes paixón polo que fas) e gratitude, observando como esas rapazas e rapaces medran, aprenden e levan a cabo aquela misión que moitos anos antes tiña en mente a nosa benquerida Lola Diz.

 

Eses primeiros anos de cambios foron guiados por Dolores Taboada e con ela vivimos as nosas primeiras viaxes ao estranxeiro, os nosos primeiros intercambios con grupos doutras provincias, aqueles primeiros Memoriais,  o noso primeiro disco do grupo de gaitas!!! Tantas e tantas vivencias...Todo iso foi arranxado co traballo de todas e todos, mais como digo, non tería sido posible sen a axuda e o labor inestimable destas persoas que dende a barreira nos proporcionaban todo aquilo que necesitabamos para poder desenvolver o noso traballo.

 

Dolores Taboada exerceu de presidenta ata o ano 1994. Naquel entón a agrupación vivía moi bos momentos e comezaba a despegar. Había moitas alumnas, a actividade era frenética: actuacións durante todo o verán, viaxes, moitas horas de ensaios.... e isto fixo que pouco a pouco acadasemos un nivel espectacular tanto en baile como en música.

 

Por razón persoais Dolores Taboada decide abandonar e é nomeada presidenta Carmen Santomé. Aquela muller que lle dixera á súa filla, o día que finou Lola, que entre todas tiñamos que traballar duro para que o legado de Lola non quedase no esquecemento... como premonición..., faise cargo da agrupación. Sempre rodeada dos membros da directiva, desenvolve o seu traballo durante nada menos que vinte anos.

 

Vinte anos de moito traballo, de moitas alegrías, tamén de moitas decepcións, momentos moi bos, regulares e malos. Porque nos momentos bos, todo o mundo apoia e anima, mais nos malos é cando unha cuestiónase se paga a pena continuar. E claro que pagou a pena! Porque como dicía nas primeiras liñas, aquí segue, viva e latente esta agrupación.

 

Baixo a presidencia de Carmen Santomé vivíronse os mellores anos da Agrupación, probablemente os últimos anos da década dos 90 foi a mellor a todos os niveis. Aqueles alumnos que eran moi cativos cando Lola falece, son nese momento adolescentes xa mozos, que ademais de compañeiros de baile ou gaita son amigos. Iso fai que sexa doado tantas horas de ensaio, tantas horas de viaxe e tantas horas de traballo para sacar adiante cada actuación, cada Memorial, cada acontecemento.

 

Aquelas viaxes a Suiza supuxeron un antes e un despois na Agrupación, e a organización de toda aquela maquinaria que funcionaba á perfección, era levada a cabo por esa directiva encabezada por estas tres mulleres traballadoras e constantes.

 

No ano 2014 Carmen decide que chega o momento de ceder o paso a outra persoa. Ela continúa como vicepresidenta, e queda na presidencia Pili Álvarez. Igual que as súas dúas antecesoras, Pili, que xa levaba moitos anos na directiva, segue traballando duro para que a Agrupación siga a flote. Son anos duros, onde o folclore galego xa non está “de moda” entre os máis cativos e adolescentes e hai que traballar moitísimo mais ca antes, porque cada saída, cada actuación, cada ensaio, custa moito esforzo.

 

É nesta transición entre Carmen e Pili cando a Agrupación sofre outra enormísima perda: o falecemento de Henrique Otero. Hai uns meses de baixón, mais grazas ao traballo, ao bo facer, e ás boas decisións, o barco segue co mesmo rumbo, a mesma forza… coa directiva que leva o timón, co mesmo pulso firme e constante.

 

Algo curioso e digno de mención é que ningunha das tres presidentas da Agrupación, nin Dolores, nin Carmen, nin Pili bailaron nunca, nin tocaron. Non pertencían ao cadro de alumnas, elas “só” xestionaban, e aí seguen xestionando, de balde, a cambio só da satisfacción de supervivencia do proxecto común.

 

Isto, baixo o meu humilde punto de vista, fainas máis grandes se cabe, porque o seu traballo era, e é, simplemente para o desfrute doutros, para que outros destacasen, para que outros lucisen diante do público. Elas, sempre na sombra, fixeron o traballo menos doado e menos recoñecido, e sempre dando o mellor de si mesmas.

 

Por todas estas razóns e moitísimas máis, queremos dende aquí facerlle unha homenaxe e darlle as grazas publicamente. Estamos seguras de que sen o seu traballo esta Agrupación non estaría viva a día de hoxe.

 

Grazas Dolores Taboada. Grazas Carmen Santomé. Grazas Pili Álvarez, sodes un exemplo a seguir. O exemplo da vosa constancia, o voso empeño, empuxe e valentía, como mulleres galegas que sodes.

 

Breogán de Moaña débevos moito. E quen formamos parte dela, tamén. Moitas, moitísimas grazas.

 

E como dicía aquela Xota da Carballeira...

 

“Lola Diz, non teñas queixa,

 Lola Diz non teñas queixa,

  da semente, sementada,

  que deixou fondas raíces,

  no Breogán de Moaña”

(Texto - Maite Durán Santomé

Compoñente de Breogán dende o ano 1981)

     Henrique Otero

 

Henrique Otero, “O Gaiteiro do Fragoso “, era un Vigués de nacemento, dos que sempre teñen o seu barrio na alma das súas notas, no seu cantar, que saía constante da súa cabeza e deixaba aquelas  notas, aquelas cantigas, a invadir cada recuncho do fogar.

 

Aínda así el atopou nas Terras de Moaña o seu descanso de guerreiro, o lugar onde retornaba toda a sua enerxía e forza nas notas da gaita que viaxaba sempre incansable no seu maletín.

 

Aqueles rapaces e rapazas de Moaña, que formaban e formarían Breogán, tiñan no seu corazón un lugar privado e moi diferente a todo o demais.

 

Eles eran parte, sempre presente, dos recordos e das conversas dos sábados en familia .

 

Ao escoitalo falar daquelas terras e daquelas xentes tiñas a firme impresión de que tocaba a parte mais intima e indivisible do seu ser.

 

O refraneiro popular tén unha frase moi real para o sentimento que moitos teñen a sorte de adquirir cos anos, e que non todos poden disfrutalo en vida ou nin siquera notalo: "Un non é de onde nace, é de onde pace".

 

A unión do mestre cos alumnos, do amigo coa directiva de Breogán de Moaña, dou a ese refrán o maior dos significados para toda a familia na súa despedida.

 

Henrique transmitíunos e fixou no noso recordo que cada viaxe que fixo para transmitir o seu amor pola súa compañeira incansable, a gaita, e cada hora adicada a aqueles rapaces e rapazas formasen en toda a familia un espazo moi especial ao cruzar a ría.

 

Un gran legado.

(Texto - Familia de Henrique Otero)

bottom of page