
Breogán de Moaña

Breogán ao día
Este espazo reservámolo para tervos ao día en todas as novidades e acontecementos que van producíndose en Breogán de Moaña. Somos un ente vivo e o movemento demóstrase andando. Estade atentas...
20 Decembro 2020
O Covid-19 chegou e cambiou as nosas vidas. Está a ser un golpe moi forte para toda a sociedade, e por riba de todo tristemente hai que lamentar que rematou co camiño entre nós de moitas persoas, proximas e queridas, e tamén moitas descoñecidas pero igualmente valiosas.
Diante das adversidades temos que seguir adiante e establecer novas formas de relacionarnos que nos permitan seguir a facer unha vida activa a todos os niveis dentro do máximo respecto pola saúde de todos e todas.
Á actividade de Breogán de Moaña supúxolle unha grande contrariedade o parón que se produciu en todos os ámbitos, e por suposto suspendemos todas os actos presenciais ata que se poida garantir a seguridade das persoas da propia asociación así como das alleas que se achegan a diario a nós.
Hai un evento anual que xa é parte inherente á nosa actividade. O Memorial Lola Diz - Henrique Otero.
Nas datas habituais en que todos os anos celebramos o noso encontro coas nosas persoas inesquecibles, e con todas vos, foi materialmente imposible garantir unha situación segura para convocarvos a un acto presencial que reune todos os anos a moita xente. Así, declinamos celebrar o Memorial nese momento mais non renunciamos a ese acto, aínda que non poida facerse do xeito habitual.
O sector cultural, por non dispor dunha estrutura que o manteña na primeira liña dos intereses económicos do País, foi un dos máis perxudicados, sufrindo a cancelación da inmensa maioría dos actos que enchen de vida as nosas vilas, aldeas e cidades.
Mais, que para moitos non teña valor como pedra angular da nosa produtividade económica, non lle resta unha pinga de valor para nós en todo o que nos move.
Para novos tempos, novas propostas.
Foi por iso que decidimos levalo adiante nun formato virtual, no que non podemos celebrar o contacto persoal presencial, mais estamos seguros de que sí poden cumprirse os nosos obxectivos de sempre achegándonos a vos cunha proposta que siga a mostrar o verdadeiro valor da nosa cultura, que xa tén sobrevivido a moitas contariedades no paso dos anos e incluso dos séculos. Mais aquí estamos aínda e esperamos que así sexa por moito tempo máis. Por Breogán de Moaña que non quede.
O XXXII Memorial Lola Diz - VIII Memorial Henrique Otero celebrouse o 17 de Outubro pasado. A canle na que nos atopamos con vós foi a dixital, poñendo neste proxecto a tecnoloxía máis actual como vehículo ao servizo da nosa cultura tradicional.
Neste Memorial Virtual ofrecemos un espectáculo no que se implicou moita xente, desexando chegar a vós e sentir a vosa satisfacción por poder dalgún xeito estar todos xuntos de novo.
Se non puideste acceder no seu día á retransmisión en directo da estrea do audiovisual que montamos desde Breogán de Moaña, podedes facelo agora dando unha volta pola nosa sección do Portfolio, no apartado Audiovisual.
Saúdos e festa con sentidiño
