
Breogán de Moaña


A Sección de Gaita e Percusión Galega, como xa dixemos, iniciouse no ano 1984 baixo a dirección do mestre Henrique Otero que impartiu a súa docencia ata o momento do seu pasamento no ano 2013. Esta etapa tan longa tén un gran peso no noso grupo, conferíndolle unha personalidade moi ben definida na guía que estableceu o Mestre, que sempre coincidiu plenamente cos obxectivos da Asociación.
Compre dicir que o mestre Henrique Otero estivo en activo xunta nós durante 29 anos, interrompidos só polo seu pasamento. Sempre dicimos que morreu coas botas postas. Este home deixou fondas raíces en Moaña e en todas e todos nós.
Aquela rapazada que empezou con el, case todos seguiron ata chegar a ser adultos. Ao achegárselles a idade da época universitaria ou de empezar a traballar, a maioría tiveron que ir dando o relevo para afrontar as súas novas responsabilidades, mais seguiron estando en contacto co seu mestre, e levamos xuntos tempo dabondo para que moitos, despois de afrontar esa etapa da súa vida, teñan volto á casa para seguir a compartirmos esta tarefa que tanto nos atrae.
Así como de todos é sabido que o carácter do mestre era forte e foi duro con eles, así tamén todos e todas queríano e respectabano.
O momento da tan inesperada e dolorosa desaparición de Henrique, como tamén o de Lola Diz, foi moi duro para todos e todas nós e obrigounos a establecer un período de reflexión no que restablecer o rumbo tras este golpe e buscar outra guía que non nos apartara dun camiño que sentimos o noso. Unha das grandes personalidades da Gaita Galega como foi Henrique non podía menos que crear e manter un xeito tan especial e propio de interpretar o noso folclore e nós sentímonos coa responsabilidade e a agradable obriga de manter ese legado que el xenerosamente nos ofreceu, sen entrar noutros camiños que nos afastasen del.
Así tras un longo ano de análise de tan difícil situación, mentres mantiñamos a aula autoxestionada con todo o aprendido en tantos anos, decidimos optar por Xaime Estévez Vila como novo mestre, posto que é unha persoa históricamente da órbita de Henrique Otero e da súa máxima confianza e valoración. Estivo con Breogán durante dous importantes anos entre o 2014 e o 2016. Mais as súas múltiples responsabilidades tamén en outros ámbitos non lle permitiron seguir con nós todo o tempo que todos quixeramos.
De novo plantexamonos a busca dunha guía que comprendera e respectara o perfil da nosa historia no mundo da gaita e a percusión galegas. A persoa elixida foi María Xosé López, outra persoa tamén da órbita histórica de Henrique e da súa plena confianza e valoración, profunda coñecedora da súa obra e con un moi importante currículo dentro do mundo do noso folclore, tanto como docente asi como no campo escénico profesional. Todos estes factores, que establecemos como prioritarios para a nosa elección, abalárona para este posto para todos de grande responsabilidade.
É así que ela asúmea como actual responsable de formación na nosa Sección de Gaita, Percusión Galega e Canto (para as pezas cantadas de Breogán e o Coro de Panxoliñas esta última) dende o ano 2016, ao tempo que dirixe o grupo desta sección nas súas actuacións en perfecta coordinación coas áreas de Baile Galego e Pandeireta e Canto, para que as distintas seccións da asociación conflúan nun todo común cando ao noso folclore lle chega o momento de ser compartido co pobo, que lle dá o sentido final a todo isto. Como sempre foi na nosa tradición, e cremos que debe seguir sempre a ser: A perfecta convivencia e simbiose entre as partes do todo que conforman o noso espazo folclórico común.
A día de hoxe segue a constituír unha das nosas grandes razóns de ser o espazo adicado á nosa música. É así que mantemos con plena vitalidade esta Escola de Gaita, Percusión e Canto que iniciara Henrique Otero e que conforma unha raíz central para nós, arredor da que se articula o Baile e o Canto, e que tamén puxa con forza para seguir a recuperar e facer Folclore no séxulo XXI.
Como Asociación Cultural, en Breogán de Moaña valoramos moito os estudos científicos que abalan o ensino musical como un exercicio con moi bos resultados a nivel de desenrolo intelectual dos e das estudantes, erradicando o fracaso escolar cáseque por completo entre aquelas que o combinan co resto do seu traballo educativo, e tendo concluído estes estudos que a música debe ocupar un papel destacado na educación, polos seus beneficios no resto das áreas e a potenciación de valores fundamentais como o respecto, o esforzo, a constancia e a conciencia colectiva.
A Mestra María Xosé López, responsable de impartir esta área de coñecemento musical, está ao enteiro dispor para iniciarvos e perfeccionarvos, a vos e ao voso entorno familiar e de amizades nesta actividade cultural que articula e é eixo central do noso folclore.
Mirade os horarios que temos na pizarra e animádevos a introducirvos nesta apaixoante actividade quen nunca antes o fixestes, e tamén a voltar a ela se tivestes que abandoala en algún momento polos motivos que sexan e agora as circunstancias volo permiten. Podedes aportar moito e aportarávos tamén moito a vós mentres ademais desfrutades dun precioso espazo de relación social. Ídelo disfrutar.
As nosas portas sempre están abertas para todas e todos vós.

