
Breogán de Moaña

Na actualidade estamos inmersos no proceso de gravación do que vai ser o noso segundo traballo discográfico, baixo a dirección artística de María Xosé López, a mestra e directora do grupo de gaitas, percusión e canto, e seguirá o camiño marcado como definitorio do noso traballo ao longo destes corenta anos, respectando os preceptos básicos e a liña de como entendemos que debe proxectarse a nosa música do País.
Na escolla do repertorio volverá estar representada a obra de Henrique Otero con varias estreas da súa obra inédita, que a súa familia como depositaria da mesma tén posto ao noso dispor coa maior das confianzas, feito que non podemos menos que agradecer profundamente. Presentaremos tamén obra de composición de varias outras compositoras e compositores do maior nivel e orixinalidade na música galega, á altura da dignidade da nosa música e respectando sempre os ritmos, as instrumentacións e os sons dos que somos herdeiros.
A nosa planificación foi feita para entrar no estudo de gravación, proceso xa iniciado, e facer a produción e publicación, todo dentro do ano 2020, mais como a vida é o que vai sucedendo mentres nós a planificamos, atopamonos polo camiño co obstáculo desta pandemia que vai marcar a historia da nosa sociedade xusto neste punto temporal.
O importante agora é a protección de todas as persoas implicadas neste proxecto así como do resto da sociedade, polo que asumimos, como non pode ser doutro xeito, a responsabilidade de aprazar a continuación deste traballo ata que se poida facer en termos de máxima seguridade para todas elas.
Estamos desexando que chegue ese momento e poder poñernos a traballar xa para finalmente amosarvos todo o que temos deseñado como unha obra moi especial arredor do noso 40 aniversario, que cremos marcará un fito entre os rexistros sonoros da música para os nosos instrumentos do País, feita para recrearse con ela na súa audición e por suposto no baile.
Manteremos aberto neste espazo web unha vía de comunicación na que iremos ofrecendo a información máis actual sobre os pasos do proxecto ata que finalmente poidamos ofrecervos o traballo xa rematado.
Esperamos que sexa o antes posible e unha vez publicado sexa merecedor do maior dos vosos aprecios.


