
Breogán de Moaña

O termo Folclore, sen profundizar máis agora na súa etimoloxía, procede do inglés “Folk” (pobo, xente…) e “Lore” (coñecemente, tradición, pegada…).
Así podemos “traducir” o termo Folclore como “O Saber do Pobo”, algo que quizais ofrece unha definición con máis sentido e que contextualiza o que realmente significa a tarefa á que nos entregamos cando Breogán de Moaña nos constituímos como Asociación Folclórica para a súa difusión.
Asumimos con pracer unha importante responsabilidade que cremos debe ser exercida activamente, porque neste eido asociativo-cultural no que estamos non cabe a simple observación pasiva. Así logo, establecemos os necesarios espazos de traballo nas dúas áreas que dán sentido á Asociación:
-
A Recolla e Asentamento dese coñecemento colectivo.
-
A Transmisión dende dous espazos fundamentais: As actuacións dos grupos, e as aulas.
As actuacións dos grupos da Asociación nas festas e actos culturais populares é onde compartimos recíprocamente os coñecementos recollidos e aprendidos, nun contexto que lles dá sentido final e no que todo o pobo nos implicamos.
As aulas, onde as actividades didácticas (teóricas e prácticas) fan o papel desa necesaria correa de transmisión máis técnica do coñecemento herdado, para que sigamos a facer xirar esa roda de muíño que é a “Recolla-Asentamento-Transmisión” que nunca debe parar.
Así establecemos dúas áreas fundamentais de traballo dentro do noso Folc-Lore musical: A Música e O Baile. E para desenvolvelas creamos tres Aulas:
-
Baile
-
Gaita e Percusión
-
Pandeireta e Canto
Completamos así con esta estrutura o ciclo de transmisión, nesta función na que gostosamente Breogán de Moaña nos comprometemos.
Neste apartado do espazo de comunicación que é a nosa páxina web informámosvos sobre as Aulas. Dende a súa orixe ata o presente, coa información necesaria para acceder a elas. Esperamos que sexan do voso agrado e poñémonos ao voso dispor para facilitarvos en todo o posible o acceso a elas.
As nosas Aulas desenvólvense en instalacións de xestión pública, libres de barreiras arquitectónicas e cedidas polo Concello de Moaña, que colaboran e facilitan así a nosa función, dispoñendo de locais axeitados, un profesorado propio da Asociación seleccionado en base aos criterios que nos guían e cunha moi boa cualificación ben contrastada, e finalmente, co acordo dunhas cotas mensuais moi axustadas para que todo o mundo poida acceder sen dificultade.
Consideramonos na obriga de ofrecer a información necesaria respecto da nosa oferta educativa para que a toma de decisións pola vosa parte sexa axeitada e teñades coñecemento real de cara a onde ides. É por iso que o primeiro mes de asistencia o acceso completo é de balde para que poidades valorar se o que ofrecemos cumpre as vosas expectativas.
Esperamos que así sexa e que as nosas búsquedas coincidan coas vosas, sempre para facer máis grande, se cabe, e máis firme o patrimonio común do noso folclore

