
Breogán de Moaña

No ano 1979 nace Breogán de Moaña coa iniciativa de Lola Diz e Dolores Taboada.
Lola é unha persoa vinculada cos colectivos veciñais e culturais no Concello de Moaña ao tempo que tamén co folclore galego. Foi compoñente do Grupo Municipal de Baile do Concello de Vigo, contemporánea de figuras do baile galego na bisbarra de Vigo de amplo recoñecemento, como José Iglesias "Melitón", Maruja Méndez, Wenceslao Cabezas "Polo", Carmiña Pérez Alonso ou Alfonso Vidal, nos grupos oficiais que no contexto daquela época se permitía e potenciaba, así como en Vento das Cíes, Lembranzas Galegas ou a propia Escola Municipal. Debido a isto, evidentemente tiña estreitas relacións persoais no mundo do folclore, colectivo no que estaba fondamente implicada e co que sempre se comprometeu na asistencia a xuntanzas, obradoiros e todas as actividades relacionadas que puidesen estar ao seu alcance e nas que considerasen que podía aportar algo.
A idea de formar un grupo de baile en Moaña ocorréuselle a Lola Diz Pose no ano 1979. Daquela tiña unha sobriña duns nove anos á que dende pequeniña gustaballe o baile galego. Lola percibiu que sempre andaba a bailar soíña pola panadería familiar e como a súa necesidade de formación nese eido cultural non estaba cuberta tomou a iniciativa de buscar máis nenas e comezar a darlles clase.
Foi así que despois daquela primeira xuntanza no Cine Veiga para artellar unha Asociación de Veciños, na que Lola propuxo crear o grupo de baile dentro do espazo cultural da Asociación, foi esta proposta a única que co tempo perviviu a aquela iniciativa.
Pois logo, empezou no ano 1979 con vinte nenas a darlles clase de baile, ensaiar e acudir aos desfiles do entroido moañés, co nome das “Vinte en Rosa”, que fixeron a súa presentación pública despois de dous anos de traballo.
En moi pouco tempo o número de compoñentes de Breogán como grupo de baile galego dobrarase, e nuns poucos anos pasaba xa das cen persoas.
O coñecido Mestre Henrique Otero levaba un tempo dando clases en Moaña, cun grupo de persoas maiores que xuntabanse para ensaiar bailes antigos e recuperar o folclore do Morrazo. Destas xuntanzas naceron tres asociacións en Moaña, sendo Breogán unha delas.
Cando no ano 1981 o proxecto de Breogán, que ía medrando e botando raíces fondas, oficialízouse tomando a forma legal de asociación baixo a denominación de Agrupación Folclórica Cultural Breogán de Moaña, Lola Diz asumiu con naturalidade a responsabilidade de poñerse á fronte do barco e ocupar o cargo de presidenta nesta nova marea cultural e veciñal, aínda que o papel que a ela sempre lle gustou ocupar foi o secundario, o de apoio total e comprometido na retagarda.
Aquela primeira xunta directiva quedou composta por este grupo de sete mulleres:
-
Lola Diz – Presidenta Fundadora
-
Dolores Taboada – Secretaria
-
María Dolores Ríos – Vicepresidenta
-
Margot Otero – Tesoureira
-
Clara Corrales , Inma Fernández e Maica Juncal - Vocais
Nas case catro décadas de historia da asociación, a súa Presidencia estivo baixo a responsabilidade de catro excepcionales mulleres.
-
Lola Diz – 1981 / 1988 (ano do seu pasamento)
-
María Dolores Taboada – 1988 / 1994
-
Carmen Santomé – 1994 / 2014
-
Pilar Álvarez – 2014 / Actualidade
A Asociación ao longo da súa historia, ainda que centra a súa actividade no Folclore, a súa Indumentaria e a Lingua, non deixa de atender outras demandas da súa base social con aulas de Bailes de Salón, Baile Latino, Danzas do Mundo, Ximnasia, Pilates, Costura, Ganchillo, Patchwork e moitras outras actividades e obradoiros polos que en cada momento se mostra interese ou detéctase a necesidade a nivel veciñal.
No ano 1984 Henrique Otero, como dixemos, levaba un tempo dando clases en Moaña, cun grupo de persoas maiores que xuntabanse para ensaiar bailes antigos e recuperar o folclore do Morrazo. Como este grupo non acababa de arrancar coas clases de gaita, tratou de intentalo cos rapaces que estaban en Breogán. Nace entón o Grupo de Gaitas Breogán de Moaña, con Henrique á fronte como Director e Mestre. Pouco a pouco foi medrando en número de compoñentes esta sección chegando axiña a ter entre gaita e percusión 25 membros.
Non se descoidou tampouco o enriquecemento do arquivo discográfico galego coa publicación dun disco no ano 1991 titulado Breogán de Moaña, cunha escolma de once pezas galegas moi valorada polo seu alto nivel no musical e no criterio da súa escolla como ben representativas da nosa música do País. Estamos agora no proceso de gravación dun novo traballo discográfico que axiña verá a luz conmemorando os nosos 40 anos.
Todos e todas xuntas logramos asentar un proxecto que deu importantes froitos no espallamento do noso folclore, recoñecido con numerosos premios e actuacións en importantes certames nacionais e internacionais, e nas festas e romarías máis grandes e pequenas.
Ata aquí chegamos e esperamos estar aínda moito tempo máis.
Viva Breogán, Viva Moaña e que Viva a Cultura do País !

