
Breogán de Moaña

Breogán de Moaña é unha Asociación Folclórica e Cultural que data os seus comezos estatutariamente no ano 1981 para asentar un traballo que comeza xa con actividades veciñais nesta orde dende o ano 1979.
Creada da man da súa fundadora Lola Diz xunto con un grupo de compañeiros e compañeiras comprometidas coa nosa cultura e especialmente co noso folclore e a nosa lingua como piares fundamentais dela, inicia as actividades culturais como Grupo de Baile Galego ao que pouco a pouco vanse sumando novas seccións de Gaita e Percusión ou Pandeireta e Canto, entre outras, que van dando forma ao proxecto de recuperación, asentamento e transmisión da cultura propia que se marca como obxectivo na súa fundación.
Próximos xa as os corenta anos de actividade ininterrompida baixo a responsabilidade asumida pola súa base asociativa, e con catro mulleres á fronte ao longo destas catro décadas, segue coa mesma forza e ilusión que o primeiro día a traballar pola recuperación e apuntalamento das bases de todo aquilo que se relaciona co noso folclore, con especial atención ao propio do Morrazo, e dende as frontes do noso baile e a nosa música.
Este espazo créase como mostra pública do noso traballo, para que quen querades disfrutar con el, xa sexa como espectadores ou como un activo máis neste labor colectivo, vos sumedes ao noso Fogar de Breogán, no que sempre seredes benvidas.

